EFE/Eliseo Trigo

EFEverde en Galego

A paciencia dos lugueses esgótase despois dun mes de folga do lixo

Publicado por: Redacción EFEverde 9 de julio, 2014 Lugo

O servizo de limpeza e recollida do lixo en Lugo completa hoxe un mes en folga e a paciencia dos veciños, dos empresarios e do Goberno local comeza a se esgotar ante unha situación que se volveu insustentable, con decenas de alertas sanitarias cada día como consecuencia dos desperdicios que se amontoan nas rúas da cidade e na zona rural do municipio.

O colectivo que agrupa os empresarios da zona histórica, Lugo Monumental, sinalaba nunha "carta aberta" ao Concello, aos traballadores da concesionaria e á propia empresa Urbaser, que os días de folga transcorridos superan "a paciencia de calquera", ademais de provocar importantes "perdas económicas" nos seus negocios.

Máis ou menos na mesma liña se expresaba o alcalde, José López Orozco, quen instou ambas as partes, patronal e traballadores, a "sentar para negociar as horas que foren necesarias" e pór fin a esta folga, porque opina que xa acabou o tempo das "desculpas".

De feito, do mesmo modo que fixeron os empresarios da zona histórica, lembrou que a "paciencia" do alcalde e dos cidadáns de Lugo ten "un límite", porque un mes de folga no servizo de recollida do lixo resulta difícil de soportar para unha poboación de case 100.000 habitantes, e aínda peor ao se celebrar nese tempo a festa romana do Arde Lucus, que congregou na capital luguesa unhas 650.000 persoas.

O colectivo Lugo Monumental afirma que "a cidadanía está farta" e os empresarios cansos "de ser reféns dun conflito privado" que lles "causou perdas económicas que superan con moito o reclamado" e "de non saber que facer nesta situación".

"Aínda que sería o máis fácil, non podemos nin queremos escoller un bando. Nin apoiamos a empresa que xerou o problema, nin os traballadores que se negan a cumprir a lei e escollen que servizos mínimos cumprir e cales violar, nin o Concello, que ameaza con medidas, mais consente impasible esta situación", lamentan os empresarios da zona histórica.

Chegados a este punto, o Concello de Lugo iniciou o procedemento para rescatar a concesión administrativa e aprobou unha sanción de 30.000 euros á empresa concesionaria polos problemas que está a xerar a folga na cidade, a máxima contía que permite a lei neste tipo de casos.

Aínda así, López Orozco recoñeceu que nesta semana falou cos responsables da empresa e "cominounos" a procurar unha solución a este conflito laboral, unha petición que achou por parte de Urbaser "unha resposta positiva" e o compromiso dos seus directivos de que "van facer todo o posible para que se produza esa negociación".

En todo o caso, as relacións entre a patronal e os seus traballadores están aínda frías. Fontes de Urbaser apuntaron á EFE que se está producindo nas negociacións "un problema de bicefalia" na representación dos traballadores e a empresa non se está encontrando cun "liderado sindical" claramente definido.

De feito, sostén que, cada vez que se chega a un acordo, o comité de empresa reúnese cos "asesores sindicais" e esa posibilidade de pechar as negociacións fica "bloqueada".

Porén, o secretario do comité de empresa de Urbaser en Lugo, Julio Pacio, culpa a empresa desta situación e afirma que as negociacións para pór fin a este conflito non se circunscriben a un pacto no aspecto económico, porque tamén hai diferenzas "no social" que haberá que "arranxar" para pór fin á folga.

O propio secretario do comité de empresa asegurou que se o motivo da folga no servizo de limpeza e recollida do lixo na cidade fose "exclusivamente económico", o paro "non duraría tanto" e as dúas partes estarían de acordo.

Entre tanto, os inspectores do servizo de Control de Riscos Ambientais da Xunta de Galicia continúan a inspeccionar a diario as rúas da cidade e os núcleos de poboación da zona rural do municipio para decretar as alertas sanitarias que está provocando a acumulación de lixo desde hai semanas.

O xefe do servizo de Control de Riscos Ambientais da Xunta de Galicia en Lugo, José Luis Fugarolas, insistiu en que a situación é preocupante, porque esas alertas sanitarias non se circunscriben a puntos concretos dentro do núcleo urbano ou da zona rural do municipio de Lugo, senón que afectan rúas, avenidas e núcleos de poboación enteiros.

A propósito, os inspectores da Xunta de Galicia decretaron onte mesmo a alerta sanitaria en toda a avenida das Fontiñas, unha das rúas con maior número de habitantes da cidade, e noutras vías importantes do núcleo urbano, como a avenida da Coruña ou a rolda do Carme.

Porén, López Orozco afirmou que o traballo que estiveron a desenvolver nas últimas semanas a propia empresa Urbaser, concesionaria do servizo, e Tragsa, que foi contratada para retirar o lixo dos puntos con alerta sanitaria, fai que "Lugo non dea a sensación de ser unha cidade cun mes de folga" no servizo de limpeza.

O propio concello de Lugo confirmou que o traballo combinado de Tragsa e de Urbaser fai que, na actualidade, se estea a retirar máis lixo das rúas da cidade que nunha xornada ordinaria de traballo da concesionaria, mais continúa sen ser suficiente por causa do gran volume de desperdicios acumulados nas primeiras semanas da folga.

O portavoz do Goberno local, Luis Álvarez, confirmou que actualmente ambas as empresas están retirando diariamente das rúas da cidade entre 120 e 130 toneladas de lixo, cando nunha xornada normal de traballo esa cifra se move entre 90 e 100 toneladas.

Así, a pesar de que a sucidade é evidente en calquera parte do núcleo urbano da cidade e nos núcleos de poboación da zona rural, o Concello de Lugo informou de que as dúas empresas retiraron desde o inicio da folga unhas 2.000 toneladas de lixo. EFEverde

Secciones : Galego
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.

Descubre más desde EFEverde

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo