Comeza o Entroido dos Xenerais do Ulla cos tradicionais "atranques"

Regresa a Festa de Interese Turístico da Galiza.
Goretti Sanmartín e Valentín García, en primeiro termo, no centro, esta sexta feira. (Foto: Concello de Compostela)
photo_camera Goretti Sanmartín e Valentín García, en primeiro termo, no centro, esta sexta feira. (Foto: Concello de Compostela)

Os oito concellos da comarca natural da Ulla (Boqueixón, A Estrada, Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces) presentaron esta sexta feira o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla, declarada Festa de Interese Turístico da Galiza, e que este ano decorrerá entre hoxe e o 18 de febreiro con múltiples atranques (enfrontamentos dialéctico por parellas aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano) organizados polas agrupacións veciñais dos case 30 lugares e parroquias nos que ten lugar esta tradición.

A presentación do programa tivo lugar na Cidade da Cultura, e nel interviu a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e representantes da Comisión do Entroido de Lestedo, José Manuel Iglesias, e da Asociación Cultural Xenerais da Ulla de Santiago de Compostela, Jesús Cebeiro, que falaron en nome das múltiples agrupacións e entidades veciñais que manteñen viva esta festa propia e singular da comarca da Ulla.

Tamén estiveron presentes o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o concelleiro de cultura da Estrada, Juan Constenla; a alcaldesa de Silleda, Mónica González; o alcalde de Touro, Roberto Castro; o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o alcalde de Vila de Cruces, Luis Celso Taboada.

Así como a directora de promoción da Axencia de Turismo da Galiza, Carmen Pita; a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ruth González.

O Entroido dos Xenerais do Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca no período con episodios históricos como a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.

Comentarios