Enquisa CIS: Retroceso do PP, que podería perder a maioría absoluta (34-38) ante un BNG á alza (22-26) e un PSdeG que obtería 13-15

O Partido Popular, PSdeG e Sumar estarían en retroceso segundo a nova enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que só sitúa o BNG á alza con respecto á publicada o pasado 25 de xaneiro
grafica web
photo_camera (Gráfico: Europa Press / Nós Diario)

A enquisa do CIS feita en base a 3.700 entrevistas e publicada esta segunda feira prognostica un cambio a partir do 18-F. Segundo este traballo, o PP obtería entre 34 e 38 escanos (a absoluta está en 38), o BNG 22-26 e o PSdeG 13-15. Dá opcións a Sumar e Democracia Ourensá, que se moven entre 0 e 1 representante na Cámara cada formación.

O voto directo na enquisa dá 34,7% ao PP, 25,3% ao BNG e 12,8% ao PSdeG. Sumar tería 2,2%, Vox 1,2% e DO 0,3%. Case 20% das persoas enquisadas responden cun non sabe ou non contesta.  En canto a porcentaxe de voto sobre o voto válido, o PP obtería 42,2%, o BNG case 33%, o PSdeG 20%. Sumar lograría 2,1% e DO 0,4%. Vox obtería 0,9%. Podemos atinxiría un 0,3%.

A sondaxe apunta a unha perda de apoios moi importante do PP, que pasaría dos 42 deputados actuais a 38 no mellor dos casos (4 menos)

O Partido Popular, PdeG e Sumar estarían en retroceso segundo a nova enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que só sitúa o BNG á alza con respecto á publicada o pasado 25 de xaneiro.

En concreto, o PP retrocede e podería perder a maioría absoluta, cun 42,2% dos votos e lograr entre 34 e 38 escanos. Pola súa parte, o BNG sobe até 32,9% e quedaría entre 22 e 26 escanos. Ademais, o PSdeG sigue como a terceira forza e chegaría a 20,1% dos votos (13 a 15 escanos). Pola súa parte, Sumar podería conseguir un escano co 2,1%.

Pontón continúa como a líder máis valorada

A líder do BNG, Ana Pontón, continúa nesta enquisa como a mellor valorada, cun 5,74, seguida de Alfonso Rueda (PP), cun 5,37; e do candidato do PSOE, cun 4,86.

Por detrás sitúanse a aspirante de Sumar, Marta Lois, cun 3,98. Ademais, a enquisa sitúa ao fundador de Espazo Común Galeguista, o exsocialista Pachi Vázquez, cun 3.66.

Indecisas

Segundo os datos publicados polo CIS, 27,7% dos galegos aínda non decidiu a que partido político ou coalición vai votar. Ademais, un 5,5% vai decidir o seu voto durante a xornada de reflexión e un 6,1% asegurou que o fará o mesmo día das eleccións.

Os datos desta enquisa de precampaña, foron recollidos entre o 29 de xaneiro e o 1 de febreiro, xusto antes do inicio da campaña e conta cunha mostra de 3.743 entrevistas.

O anterior estudo de precampaña, publicado polo CIS o 25 de xaneiro, fora realizado entre o 8 e o 22 de xaneiro, cunha mostra de 11.011 entrevistas repartidas nas catro provincias galegas.

O Centro de Investigacións Socológicas dirixido por José Félix Tezanos continua sinalando que Vox manteríase fóra do Pazo do Hórreo, cunha estimación de voto de 0,9%, menor á que lle outorgaba na anterior enquisa -1,3-. Tamén quedaría fóra da Cámara galega a candidatura de Podemos, encabezada por Isabel Faraldo, cun 0,3% dos votos, unha décima menos que no estudo do 25 de novembro.

Comentarios