Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Alfonso Gómez Cruz, alcalde cormelán de Xenebra: "Corme era o reino dos rapaces"

Alfonso Gómez, veciño de Corme e alcalde en Xenebra
Alfonso Gómez Cruz, alcalde cormelán de Xenebra: "Corme era o reino dos rapaces"

O primeiro alcalde galego no país helvético é cormelán. Alfonso Gómez Cruz foi investido este pasado mes de xuño nunha emotiva e moi galega investidura. Pero a pesar do seu papel non perdoa a visita á súa terra natal cada mes de agosto.

Infancia en Corme

Repasamos, en galego (curiosa a súa historia lingüística: “teño 3 linguas maternas, o galego, castelán e o francés”, explica), a súa infancia. Naceu en Corme, pero ao ano de vida os pais marcharon para Suiza, e tivo que quedar cos avós. Cando naceu á súa irmá, con 5 anos, marchou para o país helvético coa familia. Aos 8-9 volveu a Corme, e lembra con agarimo aqueles tempos cos amigos do pobo como o propio Suso Lista, xogando na rúa, mesmo no campo que había camiño da Ghurita.

”Lembro detalles como a continua presenza da Garda Civil por Corme, pero sobre todo o feito de que vivíamos na rúa, este era o reino dos rapaces. Lembro aquel pobo mariñeiro, onde todos eramos da mesma familia, todos os anciáns eran tíos ou tías… esa proximidade quedoume marcada”, debulla.

Aos 10 anos trasladou á Coruña, e pasou 3 anos no internado na Academia Galicia, na Praza Maestro Mateo, pero volvendo cada verán a pasalo á Costa. Do internado recorda un profesorado moi estrito, pero o mellor era que eramos ceibados o sábado e pasábamos o día pola rúa, algo que xa non se ve tanto hoxe. Riazor era noso, eran uns tempos, a pesar de estar internado, de gran liberdade”. “Lembro ir ver o Deportivo a Riazor, que nos colábamos para ver aquel “equipo ascensor”… Quedoume marcado o Deportivo como un sinal de identidade, un sentimento como o do Athlétic de Bilbao. E co paso dos anos poder fardar do Dépor por aí… Iso si, a única vez que estiven a piques de tirar, fisicamente, a televisión pola ventá foi co penalti de Djukic…” lembra aínda sufrindo no peito.

O Corme de agora e o de antes

”Hai cousas positivas outras menos positivas. As menos positivas, cóstame dicilo, pero hai que ter en conta os avances, é por exemplo que antes as celebracións, as festas, eran máis de irmandade”, relata.

En materia de infraestrururas, valora que “o pobo carece a día de hoxe de servizos de proximidade. Os Concellos deberían, máis que investir en grandes infraestruturas… que tamén fan falta, pero áis en postos de traballo de poximidade, que van traer outro tipo de empregos e de xente. Un exemplo, hoxe se queres comprar calquera cousa temos que ir á Ponte. Houbo 6 panaderías en Corme e hoxe temos un panadeiro”.

E sobre todo bota de menos ese Corme dos nenos, esa vivencia de rúa. ”É importante que a sociedade civil teña a posesión da rúa”.

E urbanísticamente?, preguntámoslle

Urbanísticamente, o desastre foi feito (di en relación, por exemplo ás vivendas erguidas hai 15 anos no Osmo). Foi o desastre do cemento, das inversións, do diñeiro fácil… É incrible, ías ao banco e tiñas préstamos para a casa, para o coche, para as vacacións, para a tele… dicía meu pai, pero isto que é?  Eu fixen economía, pero non son un gran economista, pero todo o mundo sabe que non hai que endebedarse.

desastre é que o valor de patrimonio non se considerou de maneira colectiva. Cando a propiedade privada prima sobre o valor colectivo como valor patrimonial, chegan os problemas. "Por exemplo, no meu outro país está habendo cambios, e neste momento queremos renovar o concello con medidas medioambientais, pero non podemos antes de facer un debate sobre o valor patrimonial. Iso require un cambio de mentalidade".

”O meu outro país”

Refírese a Suiza como “meu outro país”, e da súa outra cidade, Xenebra, co respecto dunha sociedade avanzada, nun goberno formado polos ecoloxistas (cun 20-21% de votos), Socialistas (outro 20-21%), e extrema esquerda (un 7-8%). Son habituais os gobernos de coalición coma este que forman 5 concelleiros que rotan no poder. Para ver a capacidade de negociación entre os diferentes grupos políticos, é curioso o feito de que dos 5 concelleiros, e apesar do pacto de esquerdas, 2 son socialistas, 2 son ecoloxistas, e o quinto é da Democracia-Cristiana (dereita).

Participación cidadá

Suiza é un dos mellores exemplos de participación cidadá. Por exemplo, fanse cada ano uns 15-20 referendums entre federais, cantonais e municipais, que se fan por correo ordinario, cunha porcentaxe de participación medio o 35-40%. Son referendums vinculantes, ademais, pero a súa execución depende de outros factores como os orzamentos, os apoios…

”Pero o máis impotante é ter Consenso social, e nese sentido estas medidas axudan”, explica.

Ecoloxistas no poder

Explica o auxe dos ecoloxistas no país e a falta de avance por exemplo en Galicia. ”É complicado, en Francia, por exemplo, non avanza, tampouco. Nós estamos medrando moito nos últimos anos, aproveitando a onda chegada dende Alemaña”.

Alí tamén se escoitan eses argumentos enquistados do “xa están os ecologistas”… “É lóxico, porque somos os máis rupturistas coa sociedade, mesmo máis que extrema esquerda. Ao fin e ao cabo, pero cremos que hai que cambiar a forma de producir, hai que producir e consumir menos”.

Ten claro que “os que están queimando máis enerxía son os máis ricos. E hai que dicilo. A min gústame sacar debates complexos… Por exemplo, o tema da carne, eu propuxen que había que comer menos carne, e reducir os produtos de carne en eventos municipais a un 10%, pero sobre todo hai que comer só carne producida en Suiza. A dereita aproveitou, esqueceu o da produción local e se puxo moi en contra. Ao final conseguimos facer un comunicado común no que todos coincidimos en que a importación agrícola ten que ter uns controis agrícolas como os que teñen os produtores locais, que en principio tamén protestaron, pero non se decataron que a produción local só cubre o 10% do consumo de carne do país, o resto impórtase á Mercosur, a sudamérica. Por iso, o que facemos será promover a nosa agricultura”, explica. 

Disxuntiva eólica de Galicia

”A forma de produción máis importante é <strong>a economía de enerxía: o non consumir</strong>. Esa é a primeira cousa que hai que ter en conta. Logo non podemos impoñer eólicos sen levalo a debate. Eu non estou en contra dos eólicos, pero hai que facer primeiro un eólico local, hai que analizar os inconvintes, e os beneficios. Non se pode pedir á poboación local que acollan os eólicos que non teñan vantaxes ningunhas”. En calquera caso, “a min a verdade que non me estorban os viraventos, pero hai que ter en conta o beneficio dos pobos”, sinala.

Todo baixo o marco da baixada de produción, falando en clave de decrecemento e do cambio dos “métodos carbónicos ou nucleares a renovables”

Contaminación luminosa

Xa debullamos o impacto do Plan Lumiere que están desenvolvendo  na cidade de Xenebra que se analizou nas Xornadas de Contaiminación Luminosa celebrada no MACCMO, e que nestes anos afronta unha segunda máis máis enfocada á biodiversidade, tras varios anos centrada no aforro enerxético. “Levamos moitos anos decatándonos da importancia dos corredores medioambientais, polo que facemos microbosques, quitando aparcamentos, que atravesan a cidade, que ademais de eliminar calor gracias a cambiar o mineral por terra, favorecen moito á diversidade”, explica. <br/>Todo o proxecto baséase na redución do alumeado público, e en modificar a forma de alumear, tendo en conta outros asuntos como a seguridade… bases que poden servir para que os políticos da nosa comarca comecen a abrir o debate sobre a necesidade de instalar novas farolas diante de cada casa.

Sobre a consecución do Selo como Destino Starlight da Costa da Morte, valora como unha oportunidade, “Galicia se pode favorecer dun turismo ecolóxico, e non hai máis que ver o auxe do Camiño dos Faros”, pero tendo claro as prioridades. “Eu sempre dou exemplo de que antes, dende o piso do meu avó, vía a Vía Láctea e hoxe mesmo non se ve”. ¡Critica que “hoxe o alumeado é moito máis potente, sobre todo nos portos, e iso é moi importante”.¡

Que pode facer un Concello na materia?

Pois hai moitas cousas pequenas como facer un alumeado nos paseos marítimos que só alumee para abaixo, ou só cando pase a xente. Son investimentos importantes, é certo, e isto é un debate que vai levar tempo”, sinala referíndose aos millóns de euros investidos nestes anos por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica no cambio de luminarias, empregando millóns de euros no cambio de luminarias a formato led, pero sen modificar a forma de alumear.

  • Novas relacionadas

É necesario iluminar aquí? Cómpre repensar a noite”

A Irmandade Galega en Suíza estreitou os lazos culturais na investidura do primeiro alcalde galego no país helvético

Comentarios