Neira Vilas gaña o Otero Pedrayo

Redacción.-


Xosé Neira Vilas foi galardoado co premio Otero Pedrayo 2013, segundo acordo unánime do xurado, reunido hoxe na Deputación de Pontevedra.

O premio, organizado de forma rotatoria polas Deputacións galegas, recoñece a contribución á cultura galega, a promoción dos valores propios, a ilustración da cidadanía e a mellora das institucións no campo das letras e o coñecemento.

Participaron na reunión do xurado o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; o vicerreitor de extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o investigador do CSIC Isidro García Tato; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Vale; o escritor Luís González Tosar; o técnico de Xestión Cultural da deputación coruñesa Felipe Senén López, e tres deputados provinciais.

Alonso Montero definiu a Neira Vilas, autor da celebérrima 'Memorias dun neno labrego', como "o candidato de todos os cidadáns da cultura galega".

Nacido en Gres (Vila de Cruces) en 1928, Neira Vilas regresou a Galicia a principios dos anos 90 tras pasar máis de catro décadas na emigración, primeiro en Arxentina e sobre todo en Cuba, e foi aclamado pola súa perspectiva literaria sobre a infancia na posguerra e sobre a emigración.

26 de xuño de 2014

Misha Bies Golas na Luis Seoane

Redacción.-

Este sábado 21 de xuño ás 13:00 horas inaugurouse na Fundación Luis Seoane un proxecto específico do artista Misha Bies Golas (Lalín, 1977). Antes, ás 12:30 horas terá lugar unha conversación entre o artista e Manolo Figueiras.

Na mostra, o artista enlaza algún traballos característicos con outros realizados de forma específica e en relación coa figura de Luis Seoane. Por un lado, Misha Bies Golas establece unha relación coas vangardas e o suprematismo ruso. Por outro, traballa a relación coa obra gráfica de Luis Seoane e o material de arquivo da Fundación.

Unha das pezas máis destacadas é froito do azar visual que nace da superposición das pranchas das carpetas de estarcidos de Luis Seoane, así como das viñetas das revistas de Galicia Emigrante que corresponden ao material para os fotolitos. Os procesos de inversión resultantes cobran formas abstractas dende o figurativo. En palabras do artista, “do material que vin, interesáronme as abstraccións que Seoane compoñía para os fondos onde logo introducía as ilustracións. Nun dos seus textos, fai un comentario sobre o proceso de El Lissitzky. El Lissitzky parte dunhas estruturas lineais, que el denomina esqueletos, e sobre estas pon masas abstractas xeométricas. Seoane conta que o seu proceso é á inversa; sérvese dunhas masas abstractas sobre as que despois incorpora uns esqueletos que definen a figuración, a cal era o medio para manterse xunto ao pobo. Seoane non podía prescindir da figuración”.

25 de xuño de 2014

Discos en Jazz&Blues Ribadeo

 Redacción.-

Os invitados á terceira edición do Festival Jazz & Blues de Ribadeo chegarán a Galicia cun novos temas nas súas maletas. O Jazz & Blues deste ano é unha homenaxe á música, empezando polas últimas novidades en discos. Os concertos será unha boa oportunidade para coñecer de primeira man o último que se está facendo en jazz, blues e outros xéneros influenciados polo jazz e o blues.

Deste xeito, Hiromi presentará en directo Alive, último proxecto do Hiromi Trio Project que forma xunto a Anthony Jackson e Simon Phillips. Hiromi Trio ProjectSaíu á venda fai só uns días e recolle un espectáculo en vivo similar ao que se poderá gozar en Ribadeo.

Pola súa banda, o trompetista Nicholas Payton está a piques de publicar o seu álbum Numbers, unha colaboración con Butcher Brown, mentres que Joanne Shaw Taylor lanzará o seu esperado disco The Dirty Truth só unhas semanas logo de pasar polo Ribadeo Jazz and Blues. O público do festival terá o privilexio de escoitar algúns temas antes da súa publicación.

O jazz galego tamén aproveitará o marco do festival para mostrar ao público novas creacións. É o caso de Víctor Aneiros, que saca á luz este mesmo mes A soidade pide copas nos bares, versións acústicas extraídas de tres dos seus anteriores discos. Carmen Rey tamén está ultimando a publicación dun novo disco. Chamarase Serpe e será unha viaxe entre o funk e o soul con con ecos do jazz e o pop.
Joanne Shaw Taylor
O o caso do trío galego Sumrrá, Ribadeo será o escenario no que presenten o seu quinto disco, no que traballan desde fai tempo e cuxos temas han ir madurando a través de numerosos concertos.

O grupo revelación asturiano Alexandra in Grey tamén se suma á lista de artistas que chegan ao terceiro Jazz & Blues con novo material. Aínda quente, o seu novo disco xa se atopa en plataformas dixitales e aparecerá nuns días en formato físico. Inclúe 13 novas composicións.

En canto ao grupo de fusión Cosmosoul, a vira que chegará ao Festival Jazz and Blues é a que serve para presentar o seu segundo álbum, Terra, no que contan con colaboracións como a do rapero El Chojín.

Novo axuste fiscal

Un axuste fiscal que volve beneficiar a quen máis ten
Xabier P. Igrexas

O axuste fiscal que vén de presentar o Goberno español (polo seu alcance non se lle pode chamar reforma), insiste en seguir a beneficiar as rendas altas, as grandes fortunas e o Capital empresarial e financeiro. Así, malia recoller unha rebaixa apenas simbólica no IRPF para os tramos baixos, nos que se concentra a maioría da poboación, o desconto é cuantitativamente moito máis zumento para quen máis ten. Pagaremos algo menos, mais os que máis cobran pagarán inda menos. Non por acaso os técnicos do Ministerio de Facenda sinalan, por boca do seu sindicato corporativo, que as persoas máis beneficiadas serán aquelas con ingresos por riba dos 150.000€ ao ano, que pasan de tributar o 52% a só o 45%. Pola contra Montoro mesmo pretende cobrar(nos) impostos tamén das indemnizacións por despedimento. A fiscalidade do funil.
Un dos aspectos máis inxustos do axuste é a redución dos tramos do IRPF, que pasan de sete a cinco. Desta maneira limítase substancialmente a progresividade fiscal, pedra basilar para que a recadación impositiva para alén de financiar as arcas públicas actúe como instrumento para a redistribución da riqueza, ou o que é o mesmo: para un mellor reparto.
Ao tempo que como se ve a contribución económica da maioría do povo -que representa a clase traballadora- a través dos impostos manterase practicamente no mesmo nivel actual, o grande empresariado é premiado con novos descontos. Así poderán evitar pagar impostos polo 10% dos seus beneficios sempre que os destinen a "recursos propios" e a reducir o seu endebedamento. Ben podían aplicar esa medida para esa inmensa maioría de fogares que non son quen de chegar a fin de mes! Para a fracción restante dos seus lucros  o imposto de sociedades pasará do 30 ao 25%.
Para alén do máis, há tres factores que se engaden ao propio deseño antisocial deste axuste. Primeiro, o claro oportunismo electoral tanto do anuncio como da súa posta en marcha. Falamos de medidas que comezarán a se implementar, na práctica, ao longo de 2015, en vésperas de eleccións xerais. Co agravante de que os seus efectos reais só se poderán comprobar pasados estes comicios.
Segundo, que este axuste -do que se beneficiarán as capas acaudaladas- suporá unha nova merma dos ingresos públicos entrementres a débeda continúa a aumentar. De aí que esta rebaixa impositiva poida acabar provocando, baixo a coartada da obrigatoriedade de cumprir o obxectivo de déficit público imposto pola Troika, novos recortes no gasto público, isto é, en servizos  públicos esenciais (sanidade ou ensino) como se vén facendo desde 2011.
Terceiro, esta rebaixa non nos vai colocar, como sostén a propaganda oficial, no nivel de presión fiscal de 2011, antes da subida histórica imposta por Rajoy nada máis chegar á Moncloa. Neste senso, debemos ter presente o brutal empobrecemento dos salarios, das prestacións e das pensións públicas, amais da cifra obscena de fogares que carecen de ingresos que se rexistraron nos últimos anos. Ao cabo, seguiremos a pagar máis do que podemos e debemos. Tal é así que inda coa rebaixa suporá 7.300 millóns de euros menos de ingresos para o Estado, e as comunidades autónomas (limitando a súa capacidade de financiamento da sanidade ou o ensino),  as sucesivas subas de impostos impulsadas polo PP Facenda seguirá a ingresar 23.700 millóns de euros máis que antes da súa chegada ao goberno.
Por unha verdadeira reforma fiscal
Fronte esta medida cosmética, faise hoxe máis necesaria ca onte a sempre adiada reforma fiscal. Mais unha reforma que faga realmente efectivo o criterio de que quen máis ten pague máis, que obrigue a tributar aos grandes capitais que ou ben defraudan ou ben se acollen a fórmulas infames (como as SICAV e outra trampas). Hai que comezar a inverter a tendencia que nas últimas décadas foi alixeirando de impostos ás finanzas, o grande empresariado e as grandes fortunas, para llo cargar á maioría social.
Unha reforma asentada pois nunha progresividade que para ser real hoxe exixiría unha rebaixa significativa na achega impositiva de quen apenas ten ingresos e que debería compensarse gravando as economías máis folgadas. Unha reforma que se centre na recadación por vía de imposición directa (a que ten en conta os ingresos de quen paga) e minore a imposición indirecta (IVE...), que amais de socialmente insolidaria supón un obxectivo freo para a demanda interna, ao restrinxir o poder de compra e penalizar o consumo.
Unha reforma que avance na transferencia competencial, permitindo ás comunidades autónomas adecuar os impostos a súa realidade obxectiva e ao tempo se responsabilizar do seu propio financiamento, paso indispensábel para avanzarmos como pouco na urxente descentralización do Estado, que poida sentar as bases dunhas finanzas autocentradas.

24 de xuño de 2014

Militares

Xulio Xiz.-

De novo, o campamento militar de Parga volveu á vida recentemente por unhas manobras militares que un continxente chegado de León efectuou en maio.

O campamento de Parga tivo moi importante papel militar, noutrora, sendo un lugar elixido polo exército para a formación de soldados, supoño que precisamente pola dureza das condicións climáticas, pola orografía e as instalacións alí construídas. Pero aquelo pasou á historia no momento afortunado en que desapareceu o servizo militar obrigatorio, se axustaron as plantillas ás necesidades dun país moderno, e se inutilizaron moitas instalacións, desaparecendo na práctica o Exército da provincia de Lugo.

Pois estas manobras resultarán de gran interese, mesmo para os antimilitaristas, que habelos hainos, porque máis de catrocentos militares estiveron de manobras en Parga para prepararse de cara ao verán para a actuación contra os incendios.

Que os exércitos se utilicen na actualidade para misións humanitarias, actúen en catástrofes e outras necesidades de servizo público é verdadeiramente digno de eloxio, porque os cometidos tradicionais de guerra non é que vaian desaparecer pero o seu papel é máis disuasorio que práctico, que hoxe en día ninguén imaxina –é de supoñer- un conflicto armado entre un país, o noso por exemplo, e outro inmediato. Ou alomenos é mellor pensar que esto é imposible que se dea nestes comezos do século XXI.

Os incendios forestais son unha auténtica calamidade pública, e contra eles hai que loitar con todas as forzas e todos os instrumentos disponibles. Se fai falla o Exército, que o exército actúe que seguro os seus membros están preparados concienzudamente para enfrontarse a un problema así.

Foron só unhas manobras, pero válenos para lembrar que o verán está aí, que o monte arde no verán – e ás veces xa moito antes- e que o Exército é bo para cousas como a loita contra os incendios. Pois mellor este cometido pacífico que andar tirando bombas por aí.

21 de xuño de 2014

II Xornada de Emprendemento e Empresa

Redacción.-

Vilalba acolle por segundo ano consecutivo a Xornada de Emprendemento e Empresa. Esta xornada gratuíta financiada por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) diríxese a mozos e mozas recentemente titulados con inquietudes empresariais, empresarios con liñas de negocio, novos empresarios ou desempregados.

O Centro Cultural e Recreativo de Vilalba acollerá a II Xornada de Emprendemento e Empresa o venres 27 de xuño entre as 09:00h e as 19:00h. Xosé Antonio Touriñán, socio fundador de Airapro Producións, achegará a súa experiencia emprendedora nesta xornada gratuíta na que tamén participará Federico Pérez.

O programa recolle oito conferencias sobre emprendemento e innovación, axudas e financiamento de ideas emprendedoras, asociacionismo e busca de sinerxías, cooperativismo e creación de SATs no entorno rural, experiencias de emprendemento no rural ou o uso das TICs e as redes sociais para emprender e diferenciarse. Os actores Xosé Antonio Touriñán –socio fundador de Airapro Producións- e Federico Pérez tamén achegarán a súa experiencia persoal emprendedora. Así mesmo, nesta segunda edición baixo o título “Onde estabas? Onde estás?” recóllese a evolución de dúas empresas impulsadas por dous dos participantes na I Xornada de Emprendemento e Empresa en Vilalba: Javier Mouriño - Intermax Technology- e Simón Cabarcos -Blindaxe Sports-.

Nesta xornada moderada por recoñecidos xornalistas, tamén participarán mozos e mozas emprendedoras da zona, responsables de empresas baseadas en tecnoloxías innovadoras, ademais de técnicos de entidades de promoción empresarial.

Despois do xantar de confraternidade (incluído na inscrición), a xornada completarase cunha visita guiada a unha empresa que representa o espírito emprendedor que se pretende inculcar na xornada: Queixería Prestes, situada no Polígono Industrial Sete Pontes de Vilalba.

Inscrición
Os interesados en participar poden formalizar a súa inscrición ata o mércores 25 de xuño enviando un correo electrónico ao enderezo emprendevilalba@gmail.com achegando o nome completo, DNI e teléfono de contacto. As prazas limítanse ao aforo de 150 persoas do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba.

Toda a información sobre este evento pódese consultar en
www.emprendevilalba.com

20 de xuño de 2014

A primavera de Praga

(Unha das imaxes da ocupación de Praga, tomada do blog “Cuadernos de resistencia”)

Agustín Fernández Paz.-

No capítulo 14 da novela, os pais do protagonista e a parella coa que se reúnen con frecuencia, discuten sobre o acontecido en Checoslovaquia:

(…) Tamén para discutir, pois algunhas veces había serios desacordos entre eles. Lembro unha das cuestións que non deixou de aparecer durante varios meses: as mudanzas que se estaban a experimentar en Checoslovaquia desde a chegada ao poder de Alexander Dubcek, e o malestar da URSS ante eses cambios. En agosto produciuse a ocupación de Praga e outras cidades do país polos tanques e as tropas do Pacto de Varsovia, e iso provocou as conversas máis apaixonadas das que gardo lembranza.

A Primavera de Praga

Tras o reparto das áreas de influencia entre as potencias vencedoras da 2ª Guerra Mundial, os países do Este de Europa quedaron baixo o control da URSS, que impuxo neles a súa ideoloxía. O esmagamento de Hungría en 1956 deixou clara este dependencia.

Cando Kruschev subiu ao poder na URSS e denunciou as desfeitas do stalinismo, as cousas pareceron cambiar. Esta política de Kruschev continuou con Breznev, o novo secretario xeral do Partido Comunista.

Checoslovaquia era o estado onde a sociedade demandaba unhas maiores liberdades. O 5 de xaneiro de 1968, Alexander Dubcek ocupou a xefatura do Partido e do goberno. Decontado impulsou un proceso de reformas, na procura do que se denominou “o socialismo con rostro humano“. Estas reformas foron moi ben aceptadas pola poboación, sobre todo entre a mocidade.

Dubcek e o seu goberno non cuestionaban a pertenza ao Pacto de Varsovia nin tampouco a ideoloxía socialista. Só querían levar á práctica unha vía propia para unha nova sociedade socialista.

O esmagamento do “socialismo con rostro humano”

Mais estes cambios en Checoslovaquia suscitaron as protestas dos gobernos da República Democrática Alemá e de Polonia, así como o malestar da URSS. E así, o 20 de agosto de 1968 medio millón de soldados e 7000 tanques invadiron o país, ocuparon a capital e as principais cidades e detiveron aos gobernantes. Houbo moitas protestas entre a poboación, máis de nada serviron. A “Primavera de Praga” quedou definitivamente esmagada.

Isto motivou grandes discusións nos partidos comunistas de Europa Occidental, sobre todo no francés, no español e no italiano, que decidiron seguir unha vía propia, sen dependencia da URSS. Nacía o que se chamou o “eurocomunismo”.

O texto completo, con todas as imaxes e ligazóns, pódese ler no blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela, A viaxe de Gagarin.

19 de xuño de 2014

Xulio Xiz

Antón de Guizán.-

Normalmente hai xente que fala de outros, e falan ben. Co de falar ben non me refiro a que se digan cousas positivas aínda que non se axusten á realidade, refírome a falar con realismo. Moitos sabiamos de Xulio Xiz por referencias pola súa longa traxectoria xornalistica, literaria e audiovisual, pero no Santo Alberte tiven o pracer de coñecelo en persoa (ningún sitio mellor que o Santo Alberte para coñecer todo).

Eu, froito da emigración interior que me levou de cativo de Lanzós à Coruña, pero fondamente ligado ás miñas orixes chairegas, quedei prendado dese grandioso documentario de Ophusa e dirixido por Xulio sobre Díaz Castro, hoxe remasterizado para gozo de todos.

Pero ademáis de ter de primeira man a voz do propio Pepe do Vilariño, hai unha voz inconfundible e engaiolante que é a voz do propio Xulio Xiz, e que non perdeu nada desas cualidades coas que se nace pero que tamén se cultivan tal e como comprovei na presentación do recital poetico organizado por Xermolos ao pé do rìo Parga.

Eu, chairego de Lanzós, gostei da presentación feita por ese grande vilalbés definindo a estrada á miña parroquia como unha das grandes avenidas da capital chairega da que é natural.

Grande amigo de Díaz Castro, é con merecemento un vilarego máis e un dos chairegos de honra, que leva as súas orixes alí a donde vai ou se encontra, coa fachenda que temos todos os chairegos de ter nacido aquí e que desde o máis local levou a moitos a ser universais desde a raíz... Manuel María, Darío Xohán Cabana, Díaz Castro, os Fernán Vello, Ramón Villares,, os Chao, empresas, produtos e xentes chairegas e moitisimos máis pero tamén Xulio Xiz...

Certame de Relatos pola Igualdade

Redacción.-

Luz Darriba (Lugo) gañou o primeiro premio do Certame de Relatos pola Igualdade que o pasado día 14 se deu a coñecer no Pazo de San Sadurniño. Pitusa Arias (Fene) alzouse co segundo premio por un relato "cargado de sensibilidade, que toca os cinco sentidos e que reflexa en pouco máis dun folio a sensación de indefensión dunha nena" segundo explicaron as integrantes do xurado, que tamén indicaron que "a decisión foi moi reñida pola calidade impresionante dos relatos presentados".


En categoria xuvenil premiaronse os traballos de Carla Leire e Lorena Freixeiro, mentres que en infantil selecionaronse os de Educación Primaria do Colexio Monte Caxado das Pontes e o de Irea Cendán. Os alcaldes de San Sadurniño Secundino García e da Capela Manuel Meizoso entregaron os galardóns, nun acto que contou coa animación musical de "Os dous de sempre máis un". Helena Villar presentou no acto o seu poemario "Remontar o río" e animou ás organizadoras a continuar con actividades que poñen en valor a actividade feminina. O “I Certame galego das artes pola igualdade de xénero” homenaxea a traxectoria de Helena Villar Janeiro. Organizouno a empresa Bolboreta co patrocinio dos concellos de San Sadurniño, As Pontes e A Capela e a colaboración de Cospeito, Ribadeo e Xermade.

II Xantar na Granxa

Redacción.-

O vindeiro 21 de xuño organízase en Beealia o II Xantar na Granxa, no que poderase degustar as carnes de cabrito e cordeiro en tres deliciosas receitas. Ademais, haberá excursións ás ganderías de La Cabreta e Veiga de Luaces e a súa contorna, onde poderán coñecerse como os pastos son a mellor base dun produto saudable para nós e para o medioambiente.

Este ano contan coa colaboración dos amigos da Asociación Galega de Custodia do Territorio que axudará a entender os beneficios dunha gandería sostible.

Máis información na web ou no facebook de Beealia.
Inscripcións no 619 03 27 91 (Joan), ou enviando un correo electrónico a beealia@gmail.com indicando nome e un teléfono de contacto.

A eternidade preto de Dunhuang


Mario Paz González.-

Preto de Dunhuang, cidade chinesa da provincia de Gansu citada por Rustichello da Pisa e Marco Polo no seu Libro das marabillas do mundo, o explorador británico de orixe austrohúngaro Sir Marc Aurel Stein descubriu para occidente, no ano 1907, as chamadas covas do Mil Budas ou covas de Mogao.

Stein, que seguindo a Ruta da Seda conseguira achar restos até entón descoñecidos do extremo occidental da gran muralla chinesa, escoitou falar a un mercador turco, no deserto de Lop Nor, duns antigos santuarios escavados na roca no século IV xurdidos dunha desaforada hipérbole. Un monxe chamado Lo-tsun tivera a visión de mil Budas que lle mandaron erixir naquel mesmo lugar un xigantesco templo na súa honra, decorándoo con pinturas, esculturas e textos sacros.

Quen informou ao explorador da existencia destas covas, advertiuno tamén de que estaban custodiadas por un monxe taoísta chamado Wang Yuanlu, que atopara uns anos antes, nunha delas, unha biblioteca chea de textos manuscritos en papel e en seda que gardaba celosamente.

Movido pola natural curiosidade, Stein chegou ao lugar en marzo de 1907 e gañouse a amizade de Wang Yuanlu. Na súa narración cóntanos como, ao entrar na cova que albergaba a biblioteca do santuario, a pequena lámpada do monxe alumou “unha apertada masa de manuscritos enrolados e apilados en estratos sen orde” que, para a súa sorpresa, “alcanzaban o tres metros de altura e enchían cento cincuenta metros cúbicos como puiden medir posteriormente”. Aquel lugar contiña uns corenta mil documentos que permaneceran alí ocultos desde había mil anos, cando a cova foi selada ao ser invadida a rexión pola tribo nómade dos Tangut, tamén citados no fermoso libro de Rustichello da Pisa.

Pero o máis curioso do descubrimento de Stein foi o achado dun bo número de libros impresos varios séculos antes da invención atribuída a Gutenberg. Un deles, cunha lonxitude de cinco metros enrolados nun cilindro de madeira, mesmo tiña data. Editárase no “decimotercer día da cuarta lúa do noveno ano de Xiantong”, na época da dinastía Tang, data que se correspondería co 11 de maio do ano 868 da nosa era. Tratábase dun antigo texto budista coñecido co nome de Sutra do Diamante.

Ao ler os poemas que inclúe antoloxía Raros de tiempo non puiden deixar de evocar esta historia que ben podería proceder dun manual de ultramarinos, pois quen sabe até cando pode durar a tenacidade do esquecemento? Quen pode saber a posteridade que agarda a un texto, a un autor, a un libro ata que a eternidade acuda no seu rescate como ocorreu preto de Dunhuang? Coma se fose unha moralexa que se nos impón a través da aventura protagonizada por Stein, o Sutra do Diamante lembra o ensino central do budismo, pois fala da importancia da non permanencia, do cambio constante…
Compriría tamén engadir unhas consideracións sobre o título desta antoloxía. Reunir nun volume unha serie de poetas “feridos do tempo”, insinuando con iso que sobre os seus textos puidese gravitar o peso do esquecemento, pode parecer un acto de desafío ou unha provocación. Un paradoxo, en calquera caso. A súa publicación, o feito de reunilos e ofrecelos ao lector engádelle unha sustancia de eternidade indefinible que insiste en contradicir a noción que o propio título parece invocar. Facelo, con todo, nunha colección secreta é darlle outra volta de torca. É un intento, se cadra van pero máis que loable, de tratar de restaurar ao seu lugar exacto a orde natural das cousas.


A antoloxía Raros de tempo (León: Manual de Ultramarinos, 2014) inclúe textos dos poetas Jorge Carbalho Branco, Bruno Marcos, Eduardo Moga, José Luis Puerto, Eloy Rubio Carro, Tomás Sánchez Santiago e un limiar de Mario Paz González.

14 de xuño de 2014

Un país nas silveiras


Antón de Guizán.-


No traballo de campo do proxecto de Pastora Veres e Cibrán Tenreiro OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS, estamos atopando na visita a muiños, fontes, lavadoiros, ríos e outeo pateimonio etnografico e natural, o grado de abandono da nosa historia máis recente.

Recursos patrimoniais que postos en valor, serían fonte de riqueza turística e conteibuirían a mellorar a imaxe dos nosos responsabeis institucionais. Resulta descorazonador atoparse lugares que hai poucos anos eran verdadeiramente fermosos, cubertos de silveiras, toxos e felgos que en moitos casos impiden mesmo dar co lugar de emplazamento, lembrado por veciños pero nunca máis visitado e moito menos limpado ou restaurado.

O expolio de cruceiros, pías, pedras, e outras partes deste patrimonio foi constante, e o que vai quedando froito do desuso e do despoblamento non foi atendido con medidas cincretas polas institucións, ao contrario do que acontece noutros países nos que se pon en valor todo recurso pateimonial.

A casa mesma de Díaz Castro no Vilariño, debe ser restaurada e convertida nun reclamo cultural e turistico, un foco de atracción de visitantes e polo tanto de negocio para a zona, co exemplo da Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei.

Limpar, consolidar e nalgún caso restaurar e señalizar é básico e rendíble a medio plazo, e a Terra Chá e Galiza enteira somos unha potencia en patrimonio. Abandonalo deixa ben ás claras o nivel politico e cultural dun país que esmorece no rural, precisamentenonde está a raíz do que somos, cando asistimos ao lamentable espectaculo da corrupción e o malgasto dos cartos públicos.

O caso da parroquia dos Vilares, é só un pequeno exponente do que està a pasar no conxunto das aldeas do país para dor dos que aìnda temos sensibilidade e amos polo propio. Non hai máis cegos que os que non queren ver...

13 de xuño de 2014

Lanzós, unha de dúas...

Antón de Guizán.-
Moita xente de Vilalba e concellos próximos saben da existencia de Lanzós, o meu lugar de nacemento, pero cando se fala de Lanzós, a maior parte pensa nunha parroquia, na igrexa de San Martiño, no adro, a súa casa escola habanera, o cimeterio chairego, o sindicato, o vello palco da música, as casas e antigas tabernas como a do David...
Pero Lanzós non é unha, son dúas, a nomeada de San Martiño e a coñecida como A Pequena, San Salvador, que conserva a súa igrexa e que no censo de 1991 contaba  con 57 habitantes e hoxe apenas está poblada. A parroquia da Pequena en Lanzós ten menos dun km cadrado de superficie e conta cos seguintes lugares: O Brañón, As Gateñas, Ichazas, A Igrexa Pequena, O Carballal e A Pereira.
San Salvador non é só unha parroquia desde o punto de vista relixioso, sinón que é tamén no administrativo  municipal e así consta en toda a documentación. Sabela Figueira no seu libro Os Espazos da Memoria sobre as parroquias de Lanzós, fala deste curioso caso.
Conta a miña nai, Inés de Guizàn, que "ivamos á misa da Pequena porque era máis cedo e así quedaba máis tempo libre para as labores e para o divertemento" e comenta que a da Pequena "non é unha capela, que é unha igrexa" con certa fachenda ao referirse ao templo.
Foi o libro sobre as parroquias de Lanzós de Sabela Figueira o xerme da recuperación hai poucos anos, da festa de San Salvador a finais de Xullo, unha romería campestre tradicional co clasico polvo, xantares familiares, música e unha misa á que hai que trasladar o santo despois do expolio da terraigrexa que levou da Pequena os santos todos e o retablo para deixala sen imaxes relixiosas.
Xosé Sidro Fdez. Vilalba fala do censo da Pequena no ano 1809 no xornal Terra e Tempo, nunha transcrición literal da época, e Cristina Carpe Diem fala dos últimos habitantes da familia Román no relato O Pazo, casa grande nesa parroquia, hoxe desabitada. Pero como xa decía antes, foi Sabela Figueira a principal estudiosa da súa historia a través cos contos e lendas dos paisanos da zona.
A  Terra Chá, conta con historias reais moitas veces descoñecidas para moitos pero que enchen de interés e atractivo a historia chairega como é esta de Lanzós, un nome, dous santos, dúas parroquias e dúas igrexas. Por eso, os de Lanzós, valemos o doble...

12 de xuño de 2014

Vinte anos sen Onetti

Redacción.- Esta mañá tivo lugar en Madrid un encontró informativo con Ramón Chao, escritor e xornalista vilalbés afincado en París. A convocatoria, baixo o título "Vinte anos sen Onetti" celebrouse ás 10 horas na sede do Club Internacional de Prensa (María de Molina 50) e reuniu a un importante grupo de xornalistas interesados na figura do xenial escritor uruguaio, de cuxo pasamento se cumpren agora vinte anos.
 
Chao lembrou a súa especial relación con Onetti, recoñecendo que "a súa persoalidade marcoume moito, desde a primeira vez que o coñecín, na súa casa da Avenida de América en Madrid" e tamén referiuse ás longas conversas mantidas con el que viron a luz no libro "Un posible Onetti", editado por Ronsel en 1994, o mesmo ano do pasamento do escritor. O acto de hoxe tamén contou coa presenza de Dolly Onetti, viúva do escritor; Carmen Enríquez, directora do Club Internacional de Prensa; e Moncho Paz, xornalista e editor de A Voz de Vilalba.
 
O ano Onetti, promovido polo Centro de Arte Moderno de Madrid, lanzouse a mediados do mes de xaneiro, cunha táboa redonda na que participaron Juan Cruz Ruiz, Eduardo Becerra e Ernesto Pérez Zúñiga. Entre outros actos, o pasado 30 de maio -coincidindo co día da morte do escritor- lanzouse a edición Juan Carlos Onetti y Jorge Luis Borges - fotografía original, con 50 exemplares numerados e asinados por Dolly Onetti, autora da fotografía dos dous autores no 1980 en Barcelona. O vindeiro 26 de xuño terá lugar a presentación do libro "Con Onetti. Diálogo con Dolly Onetti", de Raúl Manrique Girón e Claudio Pérez Míguez (Del Centro Editores). O 26 de xullo proxectarase a película "Mal día para pescar", dirixida por Álvaro Brechner e protagonizada por Gary Piquer, Jouko Ahola, Antonella Costa e César Troncoso. Asemade, o 10 de setembro inaugúrase a mostra "Reencontro con Onetti", na Casa de América. E tamén no mes de setembro, pero aínda pendente de confirmar, haberá una charla-coloquio sobre Onetti a cargo de Antonio Muñoz Molina.

Presentación en Vilalba de Carlos Callón

Redacción.- 

O Instituto de Estudo Chairegos organiza o acto de presentación do libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”, de Carlos Callón, que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba mañá venres, 13 de xuño, ás 20:30 horas e contará coa presenza do propio autor, que estará acompañado polo presidente do Iescha Manuel Castro Santamariña.

Neste libro, ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Trátase dun diálogo lúdico-práctico contado de xeito desenfadado e mediante anécdotas e dirixido a un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorar.

Segundo o propio autor non hai ninguén en Galicia que non queira ao galego e sinala como exemplo delo que moitos rapaces e rapazas,vaínda que non falen en galego apoian ao idioma nas redes sociais. Comenta que hai pouco, Tuenti recibiu un premio por ter 130.000 perfis en galego, en non ten ningunha dúbida en sinalar que a mellor defensa dun idioma é o seu uso.

Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario. Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 2001 e 2002. A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que preside desde 2002. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Preside tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.

É membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña. É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010), no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.

En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas.

Porque somos máis, porque somos pobo

"[...] Pois a iso imos. A organizar os republicanos para a revolución, non como ata aquí se veu facendo, para conducilos coma unha manada de años, aos comicios e sacar triunfantes as candidaturas duns cantos cabaleiros aos cales importa máis darse ton de personaxes ou intervir en negocios de dubidosa limpeza, que redimir a patria das vergoñas e quebrantos que baixo a monarquía está a sufrir." 
Blasco Ibáñez. "El Pueblo", xuño de 1895

Modesto Renda Santiso.-

Os resultados das pasadas eleccións ao Parlamento Europeo serviron para acelerar as manobras de Palacio, dende fai tempo urdidas á espera dun acontecemento relevante, ou dunha situación propicia, para ser levadas a cabo.

Despois de 39 anos de reinado, o herdeiro do ditador máis criminal que coñeceu a historia do noso pobo, abdica no seu fillo Felipe, segundo din, para salvar unha Monarquía afundida no lamazal do descrédito e a corrupción que vai ver sentados no banco á filla do rei, ao seu xenro e ao secretario das infantas por branqueo de capitais, delito fiscal e malversación de fondos públicos.

Eleccións, que ao igual que as municipais de 1931, puxeron de manifesto o afundimento das forzas políticas que apuntalaron a lexitimidade da propia institución monárquica dende o mesmo momento da súa restauración.

Un Proceso de descomposición, que de continuar ao ritmo que segue, significaría o fin do edificio institucional construído na transición e por ende da mesma monarquía, ao tempo que deixaría ao propio sistema de produción hexemónico dende 1939 máis deteriorado e cuestionado se cabe ca no momento en que nos atopamos. Máis vale perder un rei antes de que se afunda o sistema capitalista.

Pero a abdicación é o principio do fin, e eles sábeno mellor que ninguén. A aposta polo príncipe non vai mudar a situación dos seis millóns de parados. A pobreza en aumento, unha xuventude perdida así coma unhas institucións en permanente dúbida e corrompidas ata o miolo, non van cambiar dun día para outro porque o rei abdique en favor do seu fillo. Tamén o saben eles, pero por agora constitúe unha tregua, a única posible, para atenuar as cada vez máis irreconciliables diferenzas entre as grandes burguesías históricas do Estado Español.

A crise brutal que padece o noso país en todas as ordes, ben sexa económica, política ou institucional; obriga ao bloque dominante a un derradeiro intento canalizar a indignación e o descontento de millóns de cidadáns, nun proceso que, de novo, deixe completamente á marxe os problemas e reivindicacións centrais aos que, dende fai décadas, fai fronte o conxunto da clase traballadora organizada.

Son esas mesmas forzas do réxime, que contribuíron todos estes anos a manter unhas regras de xogo que a maioría xa non acepta, as que volverán a unir todos os seus folgos na, para eles, impostergable tarefa de lograr que a Juan Carlos I, un rei ilexítimo e imposto polo ditador, lle suceda Felipe VI, igualmente ilexítimo na medida en que non representa os intereses da maioría social agredida polas políticas do capital e os seus bonecos.

Por que cada vez está máis claro que vivimos un proceso histórico, no que a loita pola república e contra a imposta monarquía, crece día a día nas manifestacións e máis nas prazas, ao tempo que a chamada democracia (parafraseando o célebre cántico) «non o é» ; en tanto que se proxecta a modo de reclamo e da que os gobernantes e a monarquía, fixeron o máis xigantesco dos saios a fin que encubrir a corrupción e a inmundicia que sobrevoa a tanta “señoría”, a tanto “mandamás” e demais honorable listaxe de “parásitos” e “vividores”.

E agora, precisamente nestes momentos, fálanos de recuperar o tan cacareado consenso e protexer a democracia, eles, que a violan e prostitúen a diario. Un sainete continuísta que non mira máis alá de asegurar o máis completo inmobilismo dentro marco de dominación ao que nos ten suxeitos esa minoría oligárquica, tamén herdada do franquismo e que controlou o poder político e económico durante os últimos 39 anos.

A convocatoria dun referendo no que o pobo poida optar entre monarquía e república como forma de estado é unha primeira esixencia democrática, está claro; pero o momento de debilidade que exhibe o goberno e o espazo interregno que sofre a presidencia do Estado, corolario dun pobo que dun ou outro xeito se manifesta indignado, non pode resolverse novamente en favor dunha minoría, pois a dicotomía república ou monarquía, significaría neste sentido máis do mesmo.

Calquera impulso de democratización con respecto á elección da Xefatura de Estado representa, neste contexto de esgotamento dos consensos ata agora imperantes no noso devir institucional, moito máis ca o simple paso dun sistema hereditario a un referendado nas urnas cada certo tempo. Representa a oportunidade de dar a voz ao pobo traballador e avanzar na participación e a democracia, ademais de recuperar ese fío condutor do poder popular interrompido por todo o que significou o 18 de xullo, polos 40 anos de ditadura, pola transición do "todo atado e ben atado", polo esquecemento programado, pola vergoñenta maquillaxe ideolóxica e pola consigna do temor ao pasado como a máis perfecta arma de control social.

Basta xá de poñer unha e outra vez os exemplos de Francia, Alemaña ou Italia, onde a palabra República si se comprende esencialmente como Xefatura de Estado non hereditaria. Dende fai 83 anos a palabra República significa moito máis. Significa recuperar un berro de dignidade no que cabemos todas e todos, significa facer xustiza histórica aos centos de miles persoas enterradas nas cunetas, exiliadas, borradas, escravizadas e encerradas; e significa por enriba de todo, recuperar o cordón umbilical da loita de clases no conxunto do noso Estado. Un cordón umbilical que coñecemos en abril de 1931 e nos arrebataron coa Constitución Monárquica do 78.

Por todo isto, e pola a dramática situación que nos asola, é preciso traballar pola unidade das forzas verdadeiramente democráticas e populares. Traballar con audacia e a claridade do que queremos. Unha unidade sobre mínimos na que traballemos en pé de igualdade e sen monopolios políticos.

Agora máis que nunca, a esquerda debe facer fronte á súa responsabilidade histórica e traballar unida para evitar unha nova frustración como a que evitou a ruptura co franquismo e sentou as bases deste modelo que se afunde.

Chegou o momento de que todas as forzas da esquerda social e política encaremos unidas a defensa da maioría traballadora fronte a un réxime bipartidista que frea as súas aspiracións como clase.

Porque de nada serve a loita contra a Monarquía se non incorporamos o impulso da loita social e obreira.
Que resoe nos nosos corazóns a voz de Pasionaria, que era a do pobo, dicíndolles ben alto que “Non Pasarán”; pero que resoe tamén con forza o “non hai dous sen tres” do pasado luns en todas as prazas do Estado; o “Dereito ao teito” e o “Si se pode” de todos eses heroes e heroínas que se organizan na Plataforma de Afectados pola Hipoteca; o “Sanidade pública e gratuíta” dos que inundan as nosas rúas coa marea branca ou o “educación libre” dos que o fan na marea verde; que resoe tamén ese “no meu corpo mando eu” que tantas mulleres e cada vez máis homes respondemos a os que pretenden de novo sepultar a liberdade da muller na súa perversa cárcere moral; o “OTAN NON” que os nosos pais lle berraban aos traidores “de entrada no” alá polo ano 86; a insubmisión fronte a unha débeda ilexítima, o fin deste modelo de Unión Europea e todo o que queiramos engadir porque somos máis, porque somos pobo, ímolos botar.
Felipe non serás rei. A pola terceira, viva a República!

11 de xuño de 2014

Revista avozdevilalba.com de maio en pdf

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 72 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de maio de 2014. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

Jazz Blues Ribadeo 2014


Redacción-

A concelleira de Cultura do Concello de Ribadeo, Mari Luz Álvarez Lastra e Fernando Martínez Rodríguez, membro do equipo organizador do Festival, explicarán aos medios de comunicación todos os detalles da terceira edición do certame.

A rolda de prensa terá lugar ás 12.00 de pasado mañá xoves 12 de xuño no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo. O vindeiro xoves, 12 de xuño, terá lugar a presentación oficial da terceira edición do Festival Jazz & Blues de Ribadeo, que se celebrará neste municipio lucense entre o 18 e o 27 de xullo. A rolda de prensa para dar a coñecer todas as novidades deste ano levará a cabo no Concello de Ribadeo, o xoves 12 ás 12.00 horas e contará coa presenza da máxima responsable do Concello en materia cultural, Mari Luz Álvarez Lastra, así como dun dos organizadores do certame, Fernando Martínez Rodríguez.

Despois do éxito das dúas primeiras edicións, nas que se achegaron a Ribadeo artistas como a Vargas Blues Band, Blues & Decker ou a F. St. Patrick Big Band, a terceira edición crece e preséntase como un importante reclamo turístico para Ribadeo de cara ao verán. Os concertos realizaranse nun recinto ao aire libre e o cartel inclúe este ano a varios dos artistas que máis destacaron polas súas actuacións en directo nos últimos anos. O guitarrista de blues-rock Eric Sardiñas, o trompetista Nicholas Payton, o reverendo e figura do gospel Bazil Meade, a blueswoman británica Joanne Shaw Taylor ou o supertrío de jazz creado pola xaponesa Hiromi serán algúns dos pratos fortes desta edición.

Un amplo programa de actividades que se desenvolverán de forma paralela aos concertos fará que toda a cidade respire música desde o 18 de xullo e converterán a Ribadeo na capital do jazz e do blues durante 10 días. Así, haberá conferencias e contaremos coa presenza do veterano divulgador de Radio 3 e Radio Clásica Juan Carlos Cifuentes, ?Cifu?, proxectaranse varias películas sobre o jazz e o blues, haberá un mercado do disco cita obrigada para os coleccionistas e poderase ver o impresionante traballo fotográfico de Esther Cidoncha nunha exposición.

http://jazzbluesribadeo.com 

10 de xuño de 2014

Ramón Chao lembra a Onetti en Madrid

Redacción.- O vindeiro xoves 12 de xuño o escritor e xornalista vilalbés Ramón Chao protagonizará en Madrid un Almorzo Informativo sobre a figura de Juan Carlos Onetti, coincidindo co vinte aniversario do pasamento do xenial escritor uruguaio. O acto terá lugar na sede do Club Internacional de Prensa (rúa María de Molina 50) e Chao estará acompañado por Dorothea Muhr, Dolly, viúva do escritor; Carmen Enríquez, presidenta do Club; e Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba.

O mesmo ano da desaparición física de Juan Carlos Onetti saía do prelo o libro de Ramón Chao "Un posible Onetti" (Ronsel, 1994), onde o xornalista chairego recopilaba longas horas de conversa co autor de Juntacadáveres. Máis información sobre este evento en www.clubinterprensa.org

E na tarde do mesmo xoves Ramón Chao participará na Casa de Velázquez, ubicada na Cidade Universitaria, nunha charla-coloquio sobre a película "Arriba España" (1975), de José María Berzosa, da que foi guionista. Esta intervención será no marco das xornadas "Carisma e imaxe política. Poderes e contrapoderes durante a transición democrática". Máis información sobre este evento en www.casadevelazquez.org

Ata sempre. No peche dos CCA

Fran Alvedro.-

Onte, 7 de xuño de 2014, Cadernos de Comunicación pechou logo de case 4 años de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñábamos para a diáspora galega.

Cadernos de Comunicación naceu cando a rede galega estaba nunha crise sen precedentes, e intentou converterse nunha iniciativa aberta que pretendía achegarse a toda a comunidade de galegos alí onde estivesen, na crenza de que nación galega é universal.

Como punto de referencia dos emigrantes galegos no mundo, Cadernos chegou a ser un medio de referencia na Galiza exterior. Sen embargo, e a pesar do seu prestixio, Cadernos sempre foi un medio deficitario en apoios e colaboracións. Desgrazadamente, a nosa publicación non chegou a ilusionar o suficiente para que o espazo socio-político no que estábamos situados chegara a confiar en nós. A deslealdade dalgúns medios dixitais do país, a falta de respecto de todos os partidos políticos, pero tamén a lexítima competencia doutros, foron tamén decisivos na nosa decisión de rematar o proxecto de Cadernos.

O certo é que o esgotamento dos que permanecemos na empresa é importante. Foi pois un final moi difícil nos que Cadernos intentou resistir, mais chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo na Galiza exterior fose posible.

E moi especialmente a todos os que colaboraron connosco, mais, pola súa entrega e compromiso inesgotable, as nosas grazas eternas a Manuel Suárez Suárez, Xoán Antón Pérez Lema, Edmundo Moure Rojas, Xosé Manuel Galdo-Fonte e a Carta Maior, do Brasil que cedeu centos de artigos, gratuitamente, á nosa modesta publicación.

Foi un pracer. Até sempre.

Fran Alvedro López, Editor Xefe de Cadernos de Comunicación e Análise

8 de xuño de 2014

Inaugorouse onte o #inlugo14

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres o IICongreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO14, unha iniciativa do programa tecnolóxico da institución luguesa Innova-TE, financiado nun 80% por fondos europeos, que continuará hoxe. 250persoas encheron o Pazo Provincial para seguir a 1º xornada deste evento gratuíto e para todos os públicos. Os interesados poden seguilo en directo a través de Internet, en www.deputacionlugo.org, grazas á retransmisión streaming que realiza a Fundación TIC; ou dende as redes sociais, co hashtag #inlugo14. A pantalla da Praza de San Marcos tamén o emite. O éxito de participación e o nivel dos preto de 30 conferenciantes fan que o #INLUGO14 sexa xa o congreso de redes sociais máis importante de Galicia,“convertendo a nosa provincia no epicentro do mundo dixital nopais. O noso obxectivo é consagrar este encontro como unha referencia a nivel nacional”, subliñou o Presidente.

Por segundo ano consecutivo, a Deputación reúne en Lugo a un público moi heteroxéneo, de todos os perfís e idades, para conversar sobre o verdadeiro significado da Rede na sociedade e para fomentar o uso das novas tecnoloxías entre todos os sectores, “este é o verdadeiro ADN do congreso”, subliñou o Presidente. Para elo, conta coa participación de reputados expertos do xornalismo,gastronomía, moda, tecnoloxía, goberno aberto, marketing dixital ou seguridade na rede.

Mostradisto, a ponencia inaugural, Overdadeiro momento do xornalismo dixital,estivo a cargo de Ramón Lobo. Xornalista, escritor de éxito ecorresponsal de guerra de conflitos bélicos como Bosnia, Kosovo,Chechenia, Irak, Afganistán, Serra Leona, Libeira ou Ruanda, manténun dos blog de refencia para o xornalismo, ramonlobo.com, polo querecibiu o premio iRedes na Categoría Individual.

Axornada de hoxe tamén contou coa participación de Pepo Jiménez(@Kurioso), responsable da plataforma que monitoriza os contidos darede máis exitosos, e Delia Rodríguez (@delia2d), xornalista doHuffington Post, experta en Internet e autora de Memecracia,onde relata o fenómeno dos memes e virais, así como a súainfluencia na sociedade. Ámbolos dous foron os protagonistas da mesaredonda sobre Osvirais que nos gobernan.Efrén Álvarez (@EfrenMasterChef), lucense que participou en MasterChef, e os blogueiros Luis Rodríguez (@luisete) e Paco Becerro(@futurobloguero) avaliaron Amoda gastronómica.A programación deste venres pechouna o humorista Víctor Grande(@vicgrande).

Blogosfera lucense
A programación de mañá arrancará ás 10:45 horas, coa presentaciónde empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede e co ADNlucense. Os participantes serán: Elio Laureano, de Didimox; HugoIglesias, de Miramar Cruceros y Nudoss; Rubén Pérez e KathrynPhillips, Don´t be a foreigner; Santiago Martínez, Ocio enGalicia-Ocio en Lugo; e Tamara Raposo, xornalista e CommunityManager. Ás 12:00 horas, será a quenda de Juan García, director deAdamaWeb e editor de Blogoff, galardoado polo diario 20 Minutos comomellor blog de tecnoloxía 2007 e 2º premio Bitácoras 2011, quefalará sobre Alfabetizacióndixital.

Goberno aberto
Ás13:00 horas, arrancará un espazo dedicado ó goberno aberto, “poloque apostamos na Deputación de Lugo para aumentar a participacióncidadá e a transparencia na xestión do público, en definitiva, nunexercicio de profundar na democracia”, destacou Besteiro. Osconferenciantes na mesa redonda OpenGovernment seránCarlos Guadián (@carlosguadian), editor dende 2003 de K-Government,un dos blogs referenciais do goberno aberto; Cristina Juesas(@maripuchi), asesora do proxecto do goberno aberto do Executivovasco; e Pablo Rivera (@priveracapon), Director de Fondos Europeos daDeputación de Lugo.

Lobueno, si breve...8 ponencias de 15 minutos
Lobueno, si breve...8 ponencias de 15 minutos, seráo bloque que arranque na sesión de tarde, a partires das 16:30horas, coas seguintes seguintes intervencións: Odía que a moda chegou a Internet, PalomaAbad (@palomaabad), El País; DeSan Fernando a California,Alexandra Guerrero (@Drita). Editora xefe de Engadget España; Imosa empezar a deixar de parecer e empezar a ser,por Clara Ávila (@claraavilaC), consultora Social Media e blogueira;Arevolución das Google Glass,por Juan Barambones (@remotteglass), CEO de Remotte; Blogse nais. O meu xefe é Ricky Martin,por Lucía Sández (@babybaballa); Máisimportantes que o FBI,por Carlos Fernández, Community Manager de @policia; Asíse ve o mundo dende 100 metros de altura,por Rubén e Nacho, de Air-e Lugo (@AIR_eProduccion); eCelebrities&Twitter,por Laura Pintos (@credula).

IIPremios #INLUGO
Ás 19:30 horas será a entrega dos IIPremios #INLUGO. Son os galardóns que recoñecen aquelasiniciativas, persoas e organizacións da provincia que están adestacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías en diferentesámbitos. Presentáronse medio cento de proposta para as catrocategorias do certamen: Comercio, Lecer e Restauración; Educación eFormación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.
O broche final do congreso, ás 20:00horas, poráo Pepo Jiménez (@Kurioso), responsable da plataforma quemonitoriza os contidos da rede máis exitosos, amosando Os 10mellores momentos de Internet 2014.

7 de xuño de 2014

Curros cantado en Celanova

Redacción.-

“Do mar pola orela/mireina pasar/ na frente unha estrela / no bico un cantar”. Con estes versos de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) abreuse o concerto No bico un cantar, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria este serán. A segunda edición desta actividade que aúna poesía, música e mocidade, tivo lugar en Celanova, por ser o lugar de orixe de Curros Enríquez. Catrocentos nenos e nenas de conservatorios profesionais de música de Galicia cantaron catro poemas de Curros que foron musicados por recoñecidos compositores galegos. Ademais, Ramón Villares, presidente do CCG anunciou que a vindeira edición deste concerto homenaxeará a Ramón Cabanillas.

“Celanova é un dos lugares maiores da cultura galega. Aquí deu os primeiros pasos Rosendo e é esta unha terra literaria e de poetas” apuntou Ramón Villares no inicio da segunda edición de No bico un cantar. Ademais, anunciou que “esta actividade leva pouco tempo, pero pretendemos continuala no futuro, sempre sobre a poesía e cunha figura emblemática que para o vindeiro ano será Ramón Cabanillas”. Canda o presidente do CCG, estaba Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e José Luis Ferro, alcalde de Celanova. Todos eles incidiron no valor cultural e didáctico deste concerto que xuntou preto de catrocentos nenos e nenas chegados de sete conservatorios profesionais de música de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e de tres coros (do CPI Tomás de Lemos, Nenos Cantores Capela Madrigalista, Orfeón Unión Ourensana. Maximino Zumalave repetiu como director dunha actividade na que a escritora María Canosa exerceu de presentadora e o grupo de metais Hércules Brass foron os intérpretes. O concerto tivo lugar na igrexa do mosteiro de San Salvador.

Texto e música no programa
O programa estivo conformado por catro poemas de Curros Enríquez que foron musicados e adaptados por recoñecidos compositores da música culta galega. Alén de “A Rosalía” sobre música de Xosé Baldomir, interpretáronse “Unha noite na eira do trigo” con música de Xoán Montes e “Os teus ollos” con música de Xosé Castro Chané. Ademais, o Consello da Cultura Galega encargoulle a Xabier Comesanha a versión para coro de nenos e sexteto de metais de “Nouturnio”, un dos poemas máis coñecidos de Curros, que conta a historia dun vello afogado pola mala situación económica e por varias desgrazas persoais, que ten que saír polo mundo a pedir. Unha encarga que tivo a estrea absoluta este venres.
Todas as obras que conforman o programa dan conta da natureza social, cívica, satírica, costumista e de denuncia social que caracterizou a escrita de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 19851- La Habana 1908). Agás “A Rosalía”, publicado trala morte da escritora, o resto de poemas pertencen ao poemario Aires da miña terra.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes, destaca a versión de Penélope, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (celebrado o 16 de maio en Lugo). Nesta ocasión, ademais da estrea de “Nouturnio”, o CCG pediulle a Juan Durán os arranxos da música de Xosé Baldomir na versión para coros de nenos e sexteto de metais do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa enmárcase na elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios.

Imaxe: La Voz de Galicia

As fotos de Asunta Basterra

Redacción.-

A Asociación de Medios en Galego posiciónase radicalmente en contra da publicación de fotografías denominadas "escabrosas" da nena Asunta Basterra. A entidade fai un chamamento ás direccións dos medios que recolleron esas imaxes, para que as retiren no prazo máis breve posible. Os medios en galego entenden alonxada "da ética informativa e cidadán máis básica" a difusión de imaxes morbosas e que "parecen regocixarse na exaltación dos piores instintos humanos, somentes guiados pola máis ruín búsqueda de audiencias".

"Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? Por que silenciar todos eses suculentos dIxomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa? Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén. Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a presunción de inocencia esixible nun estado democrático" afirmaba no pasado mes de outubro a escritora e xornalista Rosa Aneiros, nun texto de plena actualidade.

Roubar do esquecemento

Antón de Guizán.-

A parroquia dos Vilares, en Guitiriz, vive un ano trascendental porque o seu veciño Xosé María Díaz Castro é o protagonista das letras galegas 2014. E unha das moitas parroquias chairegas, con moito en común con outras parroquias da Chaira e tamén con moitas do país, pero tamén coas sùas diferenzas e peculiaridades.

Manuel María foi un visionario ao ter de amigo a ese poeta vilarego ao que homenaxeamos, pero tamén cando hai xa 20 anos lle fixo a Pastora Veres a encomenda de recoller imaxes e historias a partir daquela exposición fotográfica con retratos cedidos polos parroquianos para a Romaría Labrega da Chaira.

Seguro que o poeta de Outeiro de Rei estaría hoxe doblemente fachendoso, primeiro pola dedicatoria do día das letras galegas ao seu admirado amigo Díaz Castro, e tamén por ver neste mesmo ano realizada a encomenda feita da parroquia dos Vilares e multiplicada, xa que enmprincipio ía ser un libro, acabarase convertindo en libro, documentario e rede social ademáis dun premio (trapeiro de honra).

Ben sabía o poeta da casa de Hortas da importancia de recoller da memoria todo canto se poida, e roubar do esquecemento esas micro historias que como as herbas pequerrechiñas das que fala Díaz Castro son fundamentais para consteuir e ser o que somos desde o orgullo e para avanzar con futuro.

O patrimonio material e inmaterial, as persoas, as costumes, a etnografía, as historias, as lembranzas son cimentos nos que hai que construir desde as entidades máis pequenas, as parroquias, ese país que somos unha suma de herbas pequerrechiñas capaces de encher de perfume o mundo.

Os Vilares, lareira de soños, verá a luz en libro e documentario no Outono deste ano con 800 exemplares que se antoxan xa insuficientes dada a aceptación e apoios acadados tanto entre os propios veciños como fora da parroquia e do concello de Guitiriz.

Non vai ser un libro de historia, senón de múltiples historias contadas polos seus protagonistas, nin vai ser un documentario unicamente de wntrevistas, sinón unha aposta que fuxirá do preciosismo para plantexar algo frwsco e real.

Os autores de ambos traballos, Pastora Veres e Cibrán Tenreiro, levan meses traballando con vilaregos, gravando, investigando, falando, recollendo información e constatando un traballo no que se teñen implicado as xentes do lugar dunha maneira comunal, como sempre se fixeron as cousas...

Será, pois, unha aportación colectiva a un proxecto que a parroquia ve como propio e así o demostra a diario. Os Vilares sábese importante este ano e pretende dar fé do que é e do que representa neste ano do seu veciño Xosé María que é tamén o ano de tódolos vilaregos.

Os Vilares é a luz do mundo, esa lareira de soños conquistados, roubados do esquecemento para disfrute e exemplo.

5 de xuño de 2014

A evacuación dos nenos e nenas vascos

Agustín Fernández Paz.-

(A vila de Gernika despois do bombardeo da aviación alemana en 1937)

No capítulo 11 da novela, o pai do protagonista cóntalle como foi a súa marcha de Bilbao, dentro dunha evacuación organizada polo goberno vasco:

O último día de marzo, os avións da Lexión Cóndor que Hitler enviara para axudar a Franco bombardearon Durango, e menos dun mes despois, a vila de Gernika. Semanas máis tarde, Bilbao comezou a sufrir tamén os primeiros bombardeos. Foi entón cando o goberno vasco organizou a evacuación dos nenos e nenas que quixesen marchar. Os meus pais falaron con Tina e comigo e explicáronnos o perigo que corriamos e a conveniencia de marcharmos mentres a guerra non rematase.
Embarcamos o 6 de marzo, no porto de Santurce. A maioría fíxoo nun transatlántico, o Habana, mais a nós tocounos nun barco máis pequeno, o Goizeko Izarra, que quere dicir «Estrela da Mañá». Eu era a primeira vez que viaxaba nun barco e pasei moito medo, sobre todo porque había un buque de guerra dos de Franco, o Almirante Cervera, que nos quería impedir a marcha e ameazaba con nos afundir se non regresabamos ao porto. Menos mal que preto de nós había outros barcos ingleses que nos protexían! E así foi como deixamos Bilbao e chegamos ao porto de La Rochelle. Alí estivemos durante dous anos, nunha colonia que funcionaba coma un internado. (…)

A evacuación dos nenos e nenas de Euskadi é un episodio da Guerra Civil que se coñece ben menos ca outras evacuacións, coma a dos nenos desprazados a Rusia, sobre os que hai unha abundante bibliografía (tamén de ficción: en galego temos Tristes armas, a novela de Marina Mayoral). A última novela do escritor Kirmen Uribe, Mussche (Lo que mueve el mundo) achéganos a historia dos nenos acollidos en Bélxica.

Este episodio dos nenos e nenas de Euskadi está moi ben sintetizado nunha das páxinas que consultei na Rede:

Durante a Guerra Civil, milleiros de familias vascas tiveron que tomar unha decisión moi dura, a de enviar as súas fillas e fillos a outros países co obxectivo de afastalos dos desastres dunha guerra que se presentaba como especialmente cruel coa poboación civil.
As tropas fascistas no seu avance polo País Vasco estaban demostrando unha crueldade ata entón descoñecida coa poboación civil. Os bombardeos de Durango e Gernika, indicaban que para as tropas de Franco, desde o punto de vista da consecución da vitoria militar, a poboación civil era un obxectivo tan prioritario como as tropas que defendían a legalidade republicana contra os insurrectos.
O porto de Bilbao foi testemuña muda da marcha de miles de nenos vascos que se dirixiron a países que, naqueles momentos, estaban lonxe da guerra: Francia, Gran Bretaña, Bélxica… Os nenos e as nenas vascos foron a avanzada do que despois sería o exilio de milleiros e milleiros de vascos.

A EITB, a canle pública vasca de televisión, elaborou unha serie de reportaxes sobre a Guerra Civil en Euskadi. O capítulo 4, “Camino del destierro”, está dedicado á odisea dos nenos e nenas que tiveron que marchar. De alto interese, na miña opinión, paga a pena dedicarlle o tempo necesario para velo completo.

O texto completo, con todas as imaxes e ligazóns, pódese ler no blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela, A viaxe de Gagarin.

4 de xuño de 2014

José Ramil Soneira

Xulio Xiz.-

De volta dunha viaxe fóra do país, repasando os xornais para estar ao tanto do acontecido neses días, encontro o obituario que o Dr. Fernando Pardo Gómez dedicou na Voz de Galicia ao Dr. José Ramil Soneira que finou o pasado 26 de abril aos 94 anos.

Para os do meu tempo era “Don José Ramil”, o médico cercano, familiar, que operara a meu pai na clínica que tiña –coa consulta- no domicilio familiar, e desde mediados do século pasado formaba parte da historia viva do noso pobo.

Pero a don José Ramil non lle bastaba con ser un magnífico médico familiar, senón que tiña unha especial preocupación polo pasado máis vello da nosa terra que o levou a pescudar por todo o territorio vilalbés na percura de pegadas dos devanceiros, convertíndose –por experiencia, por investigación persoal, por dedicación- nunha das primeiras autoridades sobre a prehistoria de Galicia, con incidencia especial na nosa zona, que cristalizou na creación do Museo Arqueolóxico de Vilalba, do que – por creador, impulsor, artífice- foi o seu primeiro director continuando o traballo o seu fillo Eduardo Ramil Rego.

Que Vilalba teña hoxe un museo arqueolóxico, débese á dedicación, vocación e investigacións de Ramil Soneira, recoñecidas polas autoridades académicas e institucionais, no que é posible acceder ao coñecemento do pasado máis lonxano, e no que figuran os seus achádegos ao dispor de todos os vilalbeses nun Museo que se considera exemplar, sendo xa unha institución plenamente integrada na vida vilalbesa.

Hai anos, Xermolos dedicoulle a Ramil Soneira os “Encontros da Terra Chá”, honrándoo pola súa longa traxectoria como prehistoriador e patriarca da cultura vilalbesa. Era un asiduo participante nas actividades que Xermolos organiza en Vilalba ou en Guitiriz, E hai uns anos, o concello vilalbés nomeouno Pregoeiro das festas patronais de San Ramón.

Hai xa tempo que deixei de velo nos actos aos que adoitaba acudir. E agora recibo a nova da súa morte.
Descanse en paz o que foi magnífico médico, destacado prehistoriador, e vilalbés exemplar.

2 de xuño de 2014

Julião Sarmento. Guest or Host?

Redacción.-

Mañá martes 3 de xuño, ás 20.30 horas, a Fundación Luís Seoane da Coruña inaugura a exposición Julião Sarmento. Guest or Host? Antes, ás 19.45 terá lugar unha conversa co artista

A obra do artista portugués Julião Sarmento (Lisboa, 1948), un dos creadores máis importantes e representativos dentro do contexto da arte contemporáneo internacional, chega a Galicia da man da Fundación Luís Seoane da Coruña a través da mostra Julião Sarmento. Guest or Host?, constituíndo o primeiro de varios proxectos expositivos que serán coproducidos pola institución coruñesa e o Centro Atlántico de Arte Moderna de Las Palmas de Gran Canaria-CAAM, dous centros de arte unidos polo seu emprazamento periférico atlántico e pola decisiva importancia que diferentes movementos migratorios tiveron no desenvolvemento cultural de ambos os territorios.

Julião Sarmento. Guest or Host? comisariada polo crítico de arte e director da Fundación Luís Seoane David Barro, constitúe a primeira gran mostra individual da obra de Sarmento en Galicia, reunindo preto dunha trintena de pezas en diferentes formatos como pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeo e instalacións que van desde os inicios da década do oitenta até o momento presente, nun esforzo por mostrar ao espectador o carácter poliédrico do traballo do artista.

A traxectoria artística de Julião Sarmento comeza a finais dos anos sesenta tras cursar estudos de pintura e arquitectura na Escola de Belas Artes de Lisboa. A principios dos anos oitenta, participará en dúas ocasións na prestixiosa Documenta de Kassel, o que impulsará o recoñecemento internacional ao seu traballo. Presente na Bienal de Venecia en tres ocasiones, no ano 1997 será o artista escollido para representar a Portugal no certame, e durante 2010 a Tate Modern de Londres dedicaralle unha sala de exposición permanente en exclusiva.